lunes, 6 de julio de 2026

RECOMENDACIÓNS LECTORAS!!!

 


☀️📚 RETO LECTOR VERÁN 2026 📚☀️

Este verán, na BIBLIO CPI P. VIRXE DO MONTE queremos que sexades vós quen nos recomendedes libros! 💙

👉 Le un libro que che guste moito.
📸 Faille unha foto ao libro dende o teu lugar favorito de lectura (e, se queres, tamén podes aparecer ti!).
✍️ Engade:
📖 Título do libro
👤 Autor/a
💭 Por que o recomendas?

📩 Envía todo a: bibliocospeito@gmail.com

As vosas recomendacións publicaranse no Instagram da biblioteca para que todos e todas poidades descubrir novas lecturas 📚✨

🎁 Ademais… todas as persoas participantes terán premio en setembro!

Anímate e participa! 🌊☀️💙

jueves, 2 de julio de 2026

MANIFESTACIÓNS ARTÍSTICAS NA IDADE MEDIA



O alumnado de 2º de ESO da materia de Xeografía e Historia realizou un percorrido por algunhas das manifestacións artísticas máis representativas da Idade Media. Ao longo deste traballo elaboraron coroas votivas, fíbulas e cruces visigodas, recrearon mosaicos bizantinos e deseñaron un mural no que recolleron exemplos destacados da arquitectura presente na Península Ibérica pertencentes aos estilos prerrománico asturiano, románico, gótico, hispanomusulmán, mozárabe e mudéxar.

Esta actividade permitiulles achegarse á riqueza e diversidade artística dunha etapa histórica fundamental, combinando aprendizaxe, creatividade e expresión artística.

miércoles, 24 de junio de 2026

PREMIO ÁS EXPERIENCIAS DE VOLUNTARIADO DA BIBLIOTECA. PROGRAMA DE BIBLIOTECAS SOLIDARIAS

 



Hai uns días dabamos as grazas a todas as persoas voluntarias que, co seu tempo, compromiso e ilusión, fan medrar a nosa biblioteca cada día. Hoxe queremos compartir convosco unha noticia moi especial.

A nosa biblioteca foi galardoada dentro do Programa de Bibliotecas Solidarias cun premio en recoñecemento ás experiencias de voluntariado desenvoltas no noso centro.

Este recoñecemento énchenos de alegría porque detrás del hai moito máis ca un premio: hai esforzo, compañeirismo, responsabilidade, compromiso...

Actualmente contamos con 120 voluntarios e voluntarias nas etapas de Primaria e Secundaria, aos que se suman tamén os nenos e nenas de Infantil e Primeiro Ciclo, que participan, cada un na súa medida, nas diferentes actividades propostas. A través do Club de Radio, do Club de Ciencia, do Club de Lectura,  de Voluntariado, do Club de Poesía e do Club de Teatro, seguimos creando espazos onde compartir, aprender, descubrir, crear e medrar xuntas e xuntos.

Pero Este recoñecemento tamén queremos compartilo coas persoas usuarias do Centro de Día e coas súas traballadoras, que sempre se unen con ilusión a cada proposta, actividade e aventura que lles presentamos; así como coa gardaría da zona, que participa con nós facendo que os proxectos medren e se enriquezan coas súas achegas e coa súa presenza.

Este premio non pertence só á biblioteca: pertence a todas e cada unha das persoas que colaboran e fan posible que este proxecto siga vivo. Porque unha biblioteca non é só un lugar onde viven os libros; é tamén un lugar onde medran as persoas, nacen ideas, esperta a curiosidade e se constrúen lazos.

Grazas por formar parte desta fermosa historia. Este premio tamén é voso 💜

Entrega de diplomas

 Remata o curso e as portas da biblioteca péchanse por un tempo para dar cabida a novas ideas, novos proxectos e novas aventuras que agardan polo vindeiro ano. Pero antes de despedirnos, queremos dar as grazas de corazón a todas as persoas voluntarias da biblio, dos clubs de lectura, de teatro, de poesía e de ciencia, porque sen vós nada do que facemos tería sentido.


Grazas polo voso tempo, pola vosa ilusión, pola vosa entrega e por encher cada recuncho da biblioteca de vida.


Agora toca descansar, gozar moito do verán, recargar enerxías e volver con moitas ganas de compartir momentos, historias e tempo na biblio.


Bo verán e ata a volta!












miércoles, 17 de junio de 2026

Reciclaxe en cinco anos

 

O alumnado de Valores de cinco anos está moi comprometido co coidado do medio ambiente e coa reciclaxe. Ao longo destas semanas realizaron diferentes actividades para aprender, investigar e concienciarse sobre a importancia de reciclar correctamente e de coidar o noso planeta.

martes, 16 de junio de 2026

Da horta á mesa!!!!

  O último luns do cole fomos a horta unha representación de infantil e o 1º ciclo de primaria para recoller as leitugas e uns cherries para que comelo no comedor.

domingo, 14 de junio de 2026

EXCURSIÓN A ARTEIXO A RECOLLER OS PREMIOS VOZ NATURA


 Excursión a Arteixo para recoller os premios Voz Natura

O pasado día 11 de xuño tivemos a sorte de viaxar ata Arteixo para recoller dous importantes galardóns do programa Voz Natura: o premio provincial e o de mellores comunicadores.

A xornada comezou coa asistencia á gala de entrega de premios, amenizada por un sorprendente espectáculo de maxia que fixo gozar a todos os presentes. Durante o acto recibimos os nosos premios, unhas fermosas obras artesanais elaboradas por Antonia, que nos encheron de orgullo e emoción polo traballo realizado ao longo do curso.

Despois da cerimonia, visitamos as instalacións do xornal para coñecer de preto o seu funcionamento. Puidemos ver as impresionantes rotativas, descubrir como se imprime o xornal, observar os enormes rolos de papel e percorrer as oficinas onde traballan os profesionais da información.

Ao rematar a visita, demos un agradable paseo polo paseo fluvial de Arteixo, un entorno natural perfecto para descansar e repoñer forzas. Finalmente, gozamos dunha divertida xornada de xogos no parque, compartindo momentos inesquecibles cos nosos compañeiros e compañeiras.

Foi un día moi especial, cheo de aprendizaxes, emocións e celebracións.

sábado, 13 de junio de 2026

Saída a Santiago de Compostela. Participación no programa da radio galega Bóla Extra, pinchade no enlace para escoitar os rapaces de 3º ESO

  Excursión a Santiago de Compostela. Como premio pola nosa participación no concurso de podcast do ano pasado, tivemos a oportunidade de realizar unha fantástica excursión a Santiago de Compostela.

A primeira parada foi na Radio Galega, onde puidemos coñecer de preto as súas instalacións. Visitamos varios platós, entre eles o do Telexornal e o do programa O Termómetro. Ademais, tivemos a sorte de participar en directo no programa A Bóla Extra, unha experiencia moi emocionante e inesquecible que nos permitiu descubrir como é o traballo diario nos medios de comunicación.

Despois da visita á radio, dirixímonos ao Museo do Pobo Galego. Alí percorremos diferentes salas, destacando especialmente a dos instrumentos musicais tradicionais, onde mesmo nos animamos a bailar. Ao saír, fixemos unha breve visita ao Panteón de Galegos Ilustres para coñecer o lugar onde descansan figuras tan importantes da nosa cultura como Rosalía de Castro e Castelao.

Tras repoñer forzas cun merecido xantar, continuamos a nosa aventura cunha das actividades máis impresionantes do día: camiñar por enriba dos teitos da Catedral de Santiago. Desde alí puidemos gozar dunhas vistas espectaculares da cidade.

Como broche de ouro á excursión, visitamos o magnífico Pórtico da Gloria, unha das xoias máis importantes da arte románica europea.

Foi unha xornada chea de aprendizaxes, emocións e momentos inesquecibles que gardaremos para sempre na nosa memoria.

viernes, 12 de junio de 2026

O DÍA DO MEDIO AMBIENTE EN COLABORACIÓN CO CENTRO DE DÍA

 

Para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente, as persoas usuarias do Centro de Día compartiron unha fermosa xornada co alumnado de 6º de Primaria elaborando papel reciclado.
Entre aprendizaxes, risas e traballo en equipo, descubriron a importancia de reutilizar materiais e coidar do noso planeta. 🌱
Unha experiencia enriquecedora que uniu xeracións arredor dun mesmo obxectivo: construír un futuro máis sostible para todas e todos. 💚

martes, 9 de junio de 2026

Pódcast de chistes por 3º de educación primaria

O alumnado de 3º de Primaria convídanos a pasar un bo anaco coa súa sección de chistes, preparada con moita ilusión e con ganas de facer sorrir a toda a comunidade educativa.

martes, 2 de junio de 2026

Ábrese o telón...vestiario, ensaios e acción! Club de teatro

 O alumnado voluntario do Club de Teatro puxo o broche final a todo un curso de traballo, ilusión e aprendizaxe coa representación da obra que prepararon ao longo destes meses. O resultado foi espectacular e puido ser compartido en tres pases diferentes: para o alumnado de Infantil, para as persoas usuarias do Centro de Día e para o alumnado do centro que quixo asistir no recreo.
Detrás desta brillante posta en escena hai moitas horas de dedicación, esforzo e compromiso. Durante todo o curso, as nenas e os nenos participantes aproveitaron os recreos para ensaiar, practicar os seus papeis, mellorar a expresión corporal e vocal e coordinar cada detalle da representación.
O traballo non se limitou aos ensaios. O alumnado implicouse tamén na preparación dos decorados, do vestiario e da ambientación do escenario, coidando cada detalle para crear unha experiencia inesquecible para o público.
A resposta do público foi extraordinaria en todos os pases, premiando co seu entusiasmo e os seus aplausos o enorme esforzo realizado polo Club de Teatro. Unha experiencia moi enriquecedora que demostra que a dedicación, o traballo en equipo e a ilusión son capaces de transformar os recreos en momentos de creación artística e aprendizaxe compartida.
Parabéns a todo o alumnado participante polo magnífico traballo realizado e por facer que esta obra brillase con luz propia.

lunes, 1 de junio de 2026

Visita e entrevista a Eva Mejuto

Hoxe tivemos a inmensa sorte de recibir na nosa biblioteca a visita da escritora Eva Mejuto, que compartiu connosco unha enriquecedora conversa arredor do seu libro 22 segundos de Edicións Xerais.

Esta lectura acompañounos nos clubs de lectura de 2º e 3º da ESO, polo que o encontro foi unha oportunidade moi especial para intercambiar impresións e afondar nos temas que aborda a novela.

Foi unha xornada chea de literatura, emocións e reflexións, na que puidemos coñecer máis de preto a historia que inspira esta obra e o proceso creativo da súa autora. Ademais, tivemos a oportunidade de entrevistala na nosa radio, onde nos falou da súa traxectoria, da importancia das historias que dan voz á diversidade e dos retos e ilusións que acompañan cada novo proxecto literario.

Grazas, Eva, pola túa proximidade, pola túa xenerosidade e por regalarnos unha experiencia tan especial. 

Os libros e as palabras compartidas seguen a abrir portas, crear pontes e deixar pegada.

jueves, 28 de mayo de 2026

O ritmo do deporte con Anuel AA

 O alumnado do Club da Radio da ESO non quere marchar de vacacións… 📻☀️ Así que aquí temos un novo programa de O Ritmo do Deporte, como cada xoves! 🏀🎙️

Nesta ocasión con novidades, presentan dúas novas integrantes: Desi e Aroa de 3º da ESO. O programa é adicado ao cantante Anuel AA.

miércoles, 27 de mayo de 2026

ENQUISA PARA AS FAMILIAS

Os restaurantes de 1º de educación primaria

 O alumnado  de 1º de primaria elaborou na aula uns menús de comedor dentro dunha actividade de aula. Propuxeronlle a encargada de comedor uns menús dos seus restaurantes para o menú de xuño. A mestra escolleu un menú de cada un deles. Parabéns rapaces polo traballo.

lunes, 25 de mayo de 2026

Actividades en familia na etapa de educación infantil!

  As familias de educación infantil pasan polas aulas para compartir momentos en familia, e que mellor que a través dos contos. Os contos son unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento integral dos nenos/as. Máis alá dun simple entretemento, a literatura infantil actúa como o motor principal para estimular a linguaxe, a xestión emocional, a imaxinación e os valores sociais.

Faladoiro con Alexandra, asesora das bibliotecas da provincia de Lugo

 Hoxe tivemos o pracer de compartir un  faladoiro con Alexandra, asesora das bibliotecas da provincia de Lugo.

Un encontro cheo de ideas, compromiso coa lectura e amor pola cultura, no que puxemos en valor o papel das bibliotecas como espazos vivos de aprendizaxe, encontro e comunidade.

Grazas, Alexandra, por compartir a túa experiencia, a túa cercanía e a túa paixón por facer das bibliotecas lugares que conectan persoas, historias e futuro. 

E, por suposto, unha mención moi especial ás alumnas do Club de Radio, que fixeron posible esta entrevista co seu traballo, ilusión e entusiasmo.

jueves, 21 de mayo de 2026

Entrevista con Pedro Anido

 O xoves 7 de maio visitounos Pedro Anido, fillo de José Anido Goiriz. José foi un artesán de Sistallo que adicou a súa vida a facer cestos de madeira.Este mes no cole estamos recordando a súa figura para visibilizar un oficio tradicional galego. Este traballo será exposto no museo Castro de Viladonga, dentro do proxecto da microrrede das bibliotecas da Terra Chá “Do ser e do facer chairego”.

Do ser e do facer chairego: exposición da Microrrede de bibliotecas da Terra Chá - O cesteiro José Anido Goiriz.

 


Dende o C.P.I. Plurilingüe Virxe do Monte, participamos na exposición titulada "Do ser e do facer chairego" como parte da microrrede de centros da Terra Chá no museo do Castro de Viladonga.

Migallas

 

Esta semana, como actividade final de curso dentro do programa Lectura e Familia, tivemos a grande sorte de contar na nosa biblioteca coa presenza de María e Carlos, de Migallas. Con eles vivimos unha xornada chea de maxia, música e historias marabillosas que ían saíndo dos cestos, moi en consonancia co noso proxecto de cestería.

A través dos contos Os ovos misteriosos, O libro máxico e Que cousa cousiña é?..., acompañados de cancións, xogos e moita participación, fixéronnos viaxar á imaxinación e descubrir o encanto dos contos. Foi unha experiencia moi especial na que pequenos e maiores gozamos aprendendo, cantando e compartindo momentos  arredor da lectura e da música.

Moitas grazas a María e Carlos por encher a nosa biblioteca de alegría, emoción e música.

CLUB DE LECTUR 3º DA ESO

 


miércoles, 20 de mayo de 2026

Maios e letras galegas 2026

 O pasado venres tivo lugar a festividade dos MAIOS como cada ano no noso centro. Participou todo o alumnado coa colaboración das familias, o alumnado da Escola Infantil Municipal de Cospeito e os usuarios do Centro de Día Vila de Valverde .

domingo, 17 de mayo de 2026

CONCURSO-PÓDCAST para as Letras Galegas

Este curso volvemos particiapar no concurso de pódcasts con dúas modalidades: infantil e 2º ESO. Fixemos dúas propostas en torno a figura da homenaxeada este ano nas letras galegas: Begoña Caamaño. Foi moi divertido participar nesta nova experiencia, non gañamos pero pasámolo moi ben. Estes pódcast foron gravados no mes de marzo, momento no que nos presentamos ao concurso.

miércoles, 13 de mayo de 2026

Os pódcast que levamos ao encontro de PONTE NAS ONDAS

1.  Os felices anos 20 da música galega!




2. Lendas galegas






3. O ritmo do deporte con Begoña Caamaño




Obradoiro: Imprenta ambulante

 Esta semana tivemos no cole un fantástico obradoiro tipográfico da man de Alouette Machine, no que participou alumnado de diferentes cursos e tamén pola tarde coas familias.

Ao longo das sesións, puidemos descubrir o funcionamento dunha imprenta artesanal e achegarnos ao mundo da tipografía tradicional, empregando letras de madeira, tintas, rolos e antigas prensas de impresión. A actividade converteuse nun espazo de creación colectiva, experimentación e aprendizaxe compartida.

A temática escollida para este obradoiro foi “Os animais da lagoa”, arredor da cal o alumnado investigou, xogou coas palabras e coas formas gráficas, e creou diferentes composicións impresas inspiradas na fauna do noso entorno natural. Elaboráronse carteis e outras creacións artísticas cheas de cor, imaxinación e mensaxes sobre o respecto e o coidado da natureza.

Foi unha experiencia moi enriquecedora que nos permitiu valorar o patrimonio cultural da impresión tradicional ao tempo que traballamos a creatividade, a lingua galega e a educación ambiental dun xeito participativo e divertido.

viernes, 8 de mayo de 2026

VISITA DO CESTEIRO

 

Hoxe tivemos no cole a visita de Pedro Anido, fillo de José Anido Goiriz, cesteiro de profesión, que veu compartir con nós a súa experiencia e tradición artesá. Durante a xornada, realizou un obradoiro no que elaborou un cesto xunto co alumnado de terceiro e cuarto de Primaria.

Esta actividade forma parte do proxecto da Microrrede da Terra Chá deste ano, centrado no “ser e facer chairego”. O traballo realizado será exposto a partir do día 18 de maio no Museo do Castro de Viladonga, onde poderá ser visitado por toda a comunidade educativa.

LEO LAB

Algunhas das actividades desenvoltas dentro do proxecto Leo Lab.

 

CADERNOS DE DEBUXO VINCULADOS AOS PRÉSTAMOS DE LECTURA

Están rematando os préstamos da biblioteca, e así de bonitos lucen os cadernos de segundo, do proxecto vinculado ao deseño gráfico, lema deste curso.

 

miércoles, 6 de mayo de 2026

CANDO LEMOS... club de poesía

 


Porque cando lemos, todo se volve posible, mesmo aquilo que semella imposible...

Coas fermosas palabras de Eva Mejuto para conmemorar o Día do Libro, e inspirándose no deseño da súa postal, o noso Club de Poesía deu forma a un selo cheo de creatividade. Entre versos e imaxinación, completaron estas palabras, enchendo cada recuncho de significado.
Na próxima sesión, rematarán a postal, dándolle ese toque final nun lugar especial, onde as palabras seguirán medrando e cobrando vida.

Abril e maio de horteiro

martes, 5 de mayo de 2026

ACTIVIDADES DE LECTURA E FAMILIAS!!!

 Dentro do programa de Lectura en Familia deste curso quedan dúas actividades nas que está convidada toda a comunidade educativa a nosa biblioteca:

📅 O luns 11 de maio, ás 16:00 h, terá lugar un obradoiro de imprenta creativa, vinculado ao lema deste ano das bibliotecas sobre o deseño gráfico. Cambiamos de día a apertura da biblioteca.

Alouette Machine é unha imprenta itinerante que traballa coa
Tipografía, recuperando esta técnica artesanal. 


📅 O martes 19, tamén ás 16:00 h, como peche do curso, contaremos con Migallas co seu espectáculo de contacontos.

Promoven a lingua e a cultura galega a través da música, o teatro e os contacontos, con propostas pensadas para gozar en familia.

Agardámosvos!

lunes, 4 de mayo de 2026

Os famosos polo grupo 4 de voluntarios da radio!

  O grupo 4 dos voluntarios da radio pasa polo laboratorio radiofónico para facer un programa especial sobre famosos: curiosidades, novidades e moito máis.

lunes, 27 de abril de 2026

ECO RETO DE ABRIL: CONCIENCIAMOS

 A través do noso proxecto sobre o bosque na etapa de Infantil, estamos a vivir unha experiencia chea de aprendizaxe, emoción e compromiso co noso entorno. Grazas á colaboración das familias, que participan con ilusión achegando os seus traballos, ideas e tempo, estamos construíndo entre todos e todas un camiño compartido cara a unha maior conciencia ambiental.