miércoles, 24 de junio de 2026

PREMIO ÁS EXPERIENCIAS DE VOLUNTARIADO DA BIBLIOTECA. PROGRAMA DE BIBLIOTECAS SOLIDARIAS

 



Hai uns días dabamos as grazas a todas as persoas voluntarias que, co seu tempo, compromiso e ilusión, fan medrar a nosa biblioteca cada día. Hoxe queremos compartir convosco unha noticia moi especial.

A nosa biblioteca foi galardoada dentro do Programa de Bibliotecas Solidarias cun premio en recoñecemento ás experiencias de voluntariado desenvoltas no noso centro.

Este recoñecemento énchenos de alegría porque detrás del hai moito máis ca un premio: hai esforzo, compañeirismo, responsabilidade, compromiso...

Actualmente contamos con 120 voluntarios e voluntarias nas etapas de Primaria e Secundaria, aos que se suman tamén os nenos e nenas de Infantil e Primeiro Ciclo, que participan, cada un na súa medida, nas diferentes actividades propostas. A través do Club de Radio, do Club de Ciencia, do Club de Lectura,  de Voluntariado, do Club de Poesía e do Club de Teatro, seguimos creando espazos onde compartir, aprender, descubrir, crear e medrar xuntas e xuntos.

Pero Este recoñecemento tamén queremos compartilo coas persoas usuarias do Centro de Día e coas súas traballadoras, que sempre se unen con ilusión a cada proposta, actividade e aventura que lles presentamos; así como coa gardaría da zona, que participa con nós facendo que os proxectos medren e se enriquezan coas súas achegas e coa súa presenza.

Este premio non pertence só á biblioteca: pertence a todas e cada unha das persoas que colaboran e fan posible que este proxecto siga vivo. Porque unha biblioteca non é só un lugar onde viven os libros; é tamén un lugar onde medran as persoas, nacen ideas, esperta a curiosidade e se constrúen lazos.

Grazas por formar parte desta fermosa historia. Este premio tamén é voso 💜

Entrega de diplomas

 Remata o curso e as portas da biblioteca péchanse por un tempo para dar cabida a novas ideas, novos proxectos e novas aventuras que agardan polo vindeiro ano. Pero antes de despedirnos, queremos dar as grazas de corazón a todas as persoas voluntarias da biblio, dos clubs de lectura, de teatro, de poesía e de ciencia, porque sen vós nada do que facemos tería sentido.


Grazas polo voso tempo, pola vosa ilusión, pola vosa entrega e por encher cada recuncho da biblioteca de vida.


Agora toca descansar, gozar moito do verán, recargar enerxías e volver con moitas ganas de compartir momentos, historias e tempo na biblio.


Bo verán e ata a volta!












miércoles, 17 de junio de 2026

Reciclaxe en cinco anos

 

O alumnado de Valores de cinco anos está moi comprometido co coidado do medio ambiente e coa reciclaxe. Ao longo destas semanas realizaron diferentes actividades para aprender, investigar e concienciarse sobre a importancia de reciclar correctamente e de coidar o noso planeta.

martes, 16 de junio de 2026

Da horta á mesa!!!!

  O último luns do cole fomos a horta unha representación de infantil e o 1º ciclo de primaria para recoller as leitugas e uns cherries para que comelo no comedor.

domingo, 14 de junio de 2026

EXCURSIÓN A ARTEIXO A RECOLLER OS PREMIOS VOZ NATURA


 Excursión a Arteixo para recoller os premios Voz Natura

O pasado día 11 de xuño tivemos a sorte de viaxar ata Arteixo para recoller dous importantes galardóns do programa Voz Natura: o premio provincial e o de mellores comunicadores.

A xornada comezou coa asistencia á gala de entrega de premios, amenizada por un sorprendente espectáculo de maxia que fixo gozar a todos os presentes. Durante o acto recibimos os nosos premios, unhas fermosas obras artesanais elaboradas por Antonia, que nos encheron de orgullo e emoción polo traballo realizado ao longo do curso.

Despois da cerimonia, visitamos as instalacións do xornal para coñecer de preto o seu funcionamento. Puidemos ver as impresionantes rotativas, descubrir como se imprime o xornal, observar os enormes rolos de papel e percorrer as oficinas onde traballan os profesionais da información.

Ao rematar a visita, demos un agradable paseo polo paseo fluvial de Arteixo, un entorno natural perfecto para descansar e repoñer forzas. Finalmente, gozamos dunha divertida xornada de xogos no parque, compartindo momentos inesquecibles cos nosos compañeiros e compañeiras.

Foi un día moi especial, cheo de aprendizaxes, emocións e celebracións.

sábado, 13 de junio de 2026

Saída a Santiago de Compostela. Participación no programa da radio galega Bóla Extra, pinchade no enlace para escoitar os rapaces de 3º ESO

  Excursión a Santiago de Compostela. Como premio pola nosa participación no concurso de podcast do ano pasado, tivemos a oportunidade de realizar unha fantástica excursión a Santiago de Compostela.

A primeira parada foi na Radio Galega, onde puidemos coñecer de preto as súas instalacións. Visitamos varios platós, entre eles o do Telexornal e o do programa O Termómetro. Ademais, tivemos a sorte de participar en directo no programa A Bóla Extra, unha experiencia moi emocionante e inesquecible que nos permitiu descubrir como é o traballo diario nos medios de comunicación.

Despois da visita á radio, dirixímonos ao Museo do Pobo Galego. Alí percorremos diferentes salas, destacando especialmente a dos instrumentos musicais tradicionais, onde mesmo nos animamos a bailar. Ao saír, fixemos unha breve visita ao Panteón de Galegos Ilustres para coñecer o lugar onde descansan figuras tan importantes da nosa cultura como Rosalía de Castro e Castelao.

Tras repoñer forzas cun merecido xantar, continuamos a nosa aventura cunha das actividades máis impresionantes do día: camiñar por enriba dos teitos da Catedral de Santiago. Desde alí puidemos gozar dunhas vistas espectaculares da cidade.

Como broche de ouro á excursión, visitamos o magnífico Pórtico da Gloria, unha das xoias máis importantes da arte románica europea.

Foi unha xornada chea de aprendizaxes, emocións e momentos inesquecibles que gardaremos para sempre na nosa memoria.

viernes, 12 de junio de 2026

O DÍA DO MEDIO AMBIENTE EN COLABORACIÓN CO CENTRO DE DÍA

 

Para celebrar o Día Mundial do Medio Ambiente, as persoas usuarias do Centro de Día compartiron unha fermosa xornada co alumnado de 6º de Primaria elaborando papel reciclado.
Entre aprendizaxes, risas e traballo en equipo, descubriron a importancia de reutilizar materiais e coidar do noso planeta. 🌱
Unha experiencia enriquecedora que uniu xeracións arredor dun mesmo obxectivo: construír un futuro máis sostible para todas e todos. 💚

martes, 9 de junio de 2026

Pódcast de chistes por 3º de educación primaria

O alumnado de 3º de Primaria convídanos a pasar un bo anaco coa súa sección de chistes, preparada con moita ilusión e con ganas de facer sorrir a toda a comunidade educativa.

martes, 2 de junio de 2026

Ábrese o telón...vestiario, ensaios e acción! Club de teatro

 O alumnado voluntario do Club de Teatro puxo o broche final a todo un curso de traballo, ilusión e aprendizaxe coa representación da obra que prepararon ao longo destes meses. O resultado foi espectacular e puido ser compartido en tres pases diferentes: para o alumnado de Infantil, para as persoas usuarias do Centro de Día e para o alumnado do centro que quixo asistir no recreo.
Detrás desta brillante posta en escena hai moitas horas de dedicación, esforzo e compromiso. Durante todo o curso, as nenas e os nenos participantes aproveitaron os recreos para ensaiar, practicar os seus papeis, mellorar a expresión corporal e vocal e coordinar cada detalle da representación.
O traballo non se limitou aos ensaios. O alumnado implicouse tamén na preparación dos decorados, do vestiario e da ambientación do escenario, coidando cada detalle para crear unha experiencia inesquecible para o público.
A resposta do público foi extraordinaria en todos os pases, premiando co seu entusiasmo e os seus aplausos o enorme esforzo realizado polo Club de Teatro. Unha experiencia moi enriquecedora que demostra que a dedicación, o traballo en equipo e a ilusión son capaces de transformar os recreos en momentos de creación artística e aprendizaxe compartida.
Parabéns a todo o alumnado participante polo magnífico traballo realizado e por facer que esta obra brillase con luz propia.

lunes, 1 de junio de 2026

Visita e entrevista a Eva Mejuto

Hoxe tivemos a inmensa sorte de recibir na nosa biblioteca a visita da escritora Eva Mejuto, que compartiu connosco unha enriquecedora conversa arredor do seu libro 22 segundos de Edicións Xerais.

Esta lectura acompañounos nos clubs de lectura de 2º e 3º da ESO, polo que o encontro foi unha oportunidade moi especial para intercambiar impresións e afondar nos temas que aborda a novela.

Foi unha xornada chea de literatura, emocións e reflexións, na que puidemos coñecer máis de preto a historia que inspira esta obra e o proceso creativo da súa autora. Ademais, tivemos a oportunidade de entrevistala na nosa radio, onde nos falou da súa traxectoria, da importancia das historias que dan voz á diversidade e dos retos e ilusións que acompañan cada novo proxecto literario.

Grazas, Eva, pola túa proximidade, pola túa xenerosidade e por regalarnos unha experiencia tan especial. 

Os libros e as palabras compartidas seguen a abrir portas, crear pontes e deixar pegada.