As familias de educación infantil pasan polas aulas para compartir momentos en familia, e que mellor que a través dos contos. Os contos son unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento integral dos nenos/as. Máis alá dun simple entretemento, a literatura infantil actúa como o motor principal para estimular a linguaxe, a xestión emocional, a imaxinación e os valores sociais.
LEO LOMBAO e o conto dos tres porquiños
BELA coa mellor sopa do mundo
UXÍA coa toupiña que tiña aquilo na cabeza
Dani con A que sabe a lúa.
Leo López con Elvira
FAMILIAS DE 5º EDUCACIÓN INFANTIL
Veu pasar un ratiño connosco á aula a mamá de Ángela. Primeiro contounos un conto sobre un tigre que non sabía onde vivía. Íanos facendo preguntas e nós respondiámoslle ata que, ao final, o tigre descubriu que vivía na selva.
Aprendemos que o tigre está en perigo de extinción e que significa iso. Tamén falamos de que imos traballar os animais do noso contorno e as plantas que tamén están en perigo.
Despois fixemos unha manualidade coa axuda de Isa: construímos un tigre. Pintamos a cara, as raias e puxémoslle o rabo.
Gustounos moito facer esta actividade e pasámolo xenial.
Hoxe tivemos na aula á mamá de Lola e Sergio, que veu pasar un ratiño con nós. Contounos un conto sobre as emocións "As emocións de Nacho", no que falamos de como nos sentimos cando estamos contentos, tristes, asustados ou enfadados.Despois do conto, realizamos varios xogos para identificar as emocións que aparecían na historia e, para rematar, fixemos un pequeno libriño no que tamén estaban representadas, para poder contalo na casiña.
Foi unha mañá moi entretida e diferente, na que estivemos moi a gusto aprendendo doutro xeito. Deste xeito, estreamos as actividades das familias na nosa aula.
A mamá e o papá de Áureo comezaron contando o conto “Buscar” de Olga de Dios. Este conto fala da curiosidade, da importancia de observar o que nos rodea e da aventura de buscar cousas, persoas e emocións que ás veces non vemos á primeira vista. A través das súas ilustracións e personaxes, anímanos a explorar, descubrir e compartir momentos cos demais.
Despois da lectura, fixemos un xogo moi divertido no que tivemos que buscar e recoñecer os personaxes do conto. A actividade axudounos a prestar atención, traballar en equipo e gozar da historia dunha maneira lúdica e participativa.
A mamá e papá de Yanira contaron un conto titulado “¡Adios miedo. Hola seguridad!”, que nos axuda a comprender mellor as emocións, especialmente o medo, e a importancia de sentirnos seguros, acompañados e queridos. A través da historia, aprendemos que o medo é algo natural, pero que podemos superalo pouco a pouco coa axuda das persoas que nos coidan e nos fan sentir protección e confianza.
Comezamos creando a protagonista: Lulu a Esquío.
Primeiro, puxémonos mans á obra facendo moitas boliñas de papel, traballando coa paciencia e a motricidade fina. Despois, demos vida á nosa esquío pintándoa con coidado e ilusión, engadíndolle tamén o olliño para que puidese “mirar” todo o que a rodea.
Finalmente, chegou a parte máis divertida: pegamos as boliñas na súa cola, dándolle un toque moi especial. Para rematar, puxémoslle o seu nome.
Foi unha experiencia preciosa de colaboración en familia, onde non só creamos unha manualidade, senón tamén recordos.
A mamá de Valentina visitounos para contarnos un conto titulado “Semillas”, no que aprendemos a importancia das sementes, do coidado das plantas e de como medran pouco a pouco ata converterse en fermosas flores.
Despois de escoitar o conto, fixemos unha pequena posta en común na que falamos sobre o que máis nos gustara . A continuación, realizamos unha actividade: pintamos unhas flores empregando rotuladores fluorescentes, prestando atención aos detalles e ás cores que máis nos gustaban. Logo, recortamos coidadosamente cada unha das flores e, para rematar, agochamos unha semente dentro de cada unha delas.
Unha vez rematada a actividade, apagamos as luces e puxemos luz negra, e foi nese momento cando aconteceu a maxia: as nosas flores comezaron a brillar intensamente, creando un ambiente sorprendente e cheo de cor.
A mamá e o papá de Xiana viñeron á clase a contarnos o conto Xela na fraga. No conto aparecían moitos animaliños da fraga, como o raposo, a curuxa, o coello, o esquío e tamén paxariños que vivían nas árbores.
O conto trata dunha nena chamada Xela que vai á fraga e descobre todos os animais que viven alí. Mentres pasea, aprende a coñecelos e a respectar a natureza. Tamén nos ensina o importante que é coidar o bosque e aos animais que viven nel.
A mamá e o papá de Antón viñeron ao colexio para contarnos o conto A mellor sopa do mundo. Primeiro narraron a historia mentres Antón ía botando os ingredientes na pota.
Despois falamos dos animais que aparecían no conto e do que traía cada un deles para facer a sopa. A continuación, fixemos a nosa propia sopa: pintamos os ingredientes, recortámolos e metémolos na pota. Finalmente, puxemos o título do conto.










No hay comentarios:
Publicar un comentario