O traballo realizado polo alumnado da ESO nos recreos da biblioteca, en colaboración co alumnado de Primaria e co profesorado, tivo como protagonista o outono e os seus tesouros naturais.
Durante varias semanas, os rapaces e rapazas saíron ao patio e á contorna do centro para recoller follas secas, paus, landras, sementes e outros materiais naturais. Con moita imaxinación e coidando cada detalle, transformaron estes elementos nunha fermosa exposición de insectos elaborados con materiais do outono.
Na mostra pódense ver auténticas obras de arte: bolboretas feitas con follas de diferentes cores, formigas de paus e landras, libélulas con ás de follas … Cada creación está acompañada do nome científico do insecto correspondente, aprendendo así a diferenciar especies e a coñecer a súa importancia nos ecosistemas .
Esta actividade serviu para unir ciencia e arte, fomentando o respecto pola natureza e o traballo cooperativo entre etapas. O resultado final é unha exposición chea de cor, creatividade e aprendizaxe, que nos lembra que o outono tamén está cheo de vida.
















No hay comentarios:
Publicar un comentario