Este ano 2024 conmemoramos as Letras Galegas homenaxeando a Luísa Villalta. Ó longo da semana tivemos varias actividades para achegarnos a diversos aspectos propios da cultura tradicional de Galicia.
Esta está sendo unha semana especial.
Temos aí as Letras Galegas e aproveitamos para afondar en aspectos da tradición galega. Entre o luns e o mércores puidemos coñecer o traxe tradicional polo miúdo: as partes, as funcións das mesmas e os materiais cos que as elaboraban, entre outras moitas cousas.
Queremos darlle as grazas a Carmen, a artesá que nos emprestou os traxes e os libros (e axudou ao profesorado a coser o seu traxe) e a Alba, a súa filla, que veu cargadiña de coñecemento para que puidesemos aprender un montón de cousas destes traxes que temos expostos na biblioteca.
O alumnado do primeiro ciclo de primaria e infantil tamén tivemos unha charla sobre os traxes tradicionais de Galicia na biblioteca do centro. Neste caso foi a profe Lucía, coordinadora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, quen nos foi contando todos os detalles e curiosidades.
Non todo foi escoitar as explicación, senón que puideron probar algunhas partes dos traxes (como os zocos, as zocas, os sancosmeiros ou os puchos) e tocar os diferentes materiais cos que foron elaborados.
Con que facían os traxes? Como eran eses materiais? Que diferencia hai entre a lá e o liño?
Dentro da exposición atopábanse varios traxes completos, tanto de cotío como de gala, de diferentes lugares de Galicia. Tamén se atopaba un traxe moi especial, o elaborado polo profesorado dentro do plan de formación do profesorado do centro. Nesta formación intentouse mesturar o TEXTIL e a ELECTRÓNICA, a tradición coa modernidade, inagurando así o Polos Creativos do centro.
O día 16 foi un día moi axetreado no centro para conmemorar o Día das Letras Galegas.
Unha das actividades estrela foi o obradoiro que Lis e Andrea nos viñeron dar a todo o alumnado do colexio. Moito aprendimos sobre a música tradicional. Tamén cantamos e bailamos. Grazas por ensinarnos tanto e facérnolo pasar tan ben.
Ao longo de toda a mañá tamén estivemos preparando os Maios. Pero non o fixemos só as persoas do cole, tivemos moitítisimas visitas. Ao principio da mañá viñeron os compañeiros e compañeiras da Escola Infantil de Cospeito. Trouxeron a súa flor e pasaron un anaco con nós do máis divertido.
Un pouco máis tarde a visita foi dos usuarios do Centro de Día. Eles e elas tamén trouxeron as súas flores e colocáronas no maio coa axuda do alumnado voluntario de 4º ESO. Tamén visitaron a exposición de traxes tradicionais na biblioteca que nos prestou Carmen e Lucía, a coordinadora de dinamización lingüística, explicoulles unha chea de cousas sobre eles. Aínda que eles tamén tiñan moito que contar, xa que moitas desas pezas eran xa coñecidas para eles. Con tanta visita, o ano que vén imos ter que facer un maio máis grande, xa non cabía unha flor máis!
Despois acompañáronnos na homenaxe a Luísa Villalta no ximnasio e a posterior celebración na pista con Andrea e os seus Asubiíños. MOITAS GRAZAS POR VIR.
Nesta celebración do día das Letras Galegas 2024, Ismael contounos un pouco máis sobre a vida e obra de Luísa Villalta, autora homenaxeada, e Aroa e Mónica tocaron unha peza preciosa sobre a que Aroa recitou un dos poemas desta escritora.
Continuamos a celebración no patio, alumnado e profesorado e usuarias do centro de día, coa lectura do manifesto polo uso da lingua galega, por parte de Iria, e a música de Andrea e Sara.
Pero as semanas anteriores ás Letras Galegas non estivemos quietas, estivemos coñecendo a Luísa Villalta, escritora e persoa moi importante na historia recente de Galicia. Defendeu a patria, os nosos espazos e e ás nosas mulleres por enriba de todo, escribiu para que todo o mundo soubese e coñecese a nosa realidade, escribía sobre a vida, sobre os temas que preocupaban.
Luísa, ademais de escritora, era unha profesional e amante de música, e co seu violino tamén era quen de comunicar. De feito dicía: "A palabra procura a súa música igual que a música quere unha palabra humana que a cante". E seguindo as súas ideas, creamos un grande pentagrama (coa música que Noa e Mónica tocaron na celebración) con palabras importante na vida desta autora dentro das corcheas.
E con isto... esperamos un novo día das Letras Galegas!
No hay comentarios:
Publicar un comentario