sábado, 31 de octubre de 2026

FORMACIÓN DE USUARIOS E USUARIAS



Poñemos a biblioteca a punto: formación de usuarios

Antes de abrir as portas da biblioteca e comezar co préstamo, é fundamental que todos coñezamos ben o seu funcionamento. Este ano, ademais, esta formación adquiriu unha importancia especial, xa que a nosa biblioteca viviu unha importante reforma e reorganización dos seus espazos.

Por iso, ao longo destes días, os diferentes grupos e niveis foron pasando pola biblioteca para participar nas sesións de formación de usuarios, dirixidas tanto ao alumnado como ao profesorado.

Durante estas visitas explicámoslles como está organizada a biblioteca, onde atopar os diferentes fondos e cales son as normas básicas para o seu correcto funcionamento: como coller e colocar os libros, como identificar as distintas seccións a través das cores da CDU e como manter os espazos ordenados e coidados.

Tamén presentamos algunhas das novidades deste curso, como a nova organización dos xogos, clasificados por cores e niveis de dificultade, para facilitar a súa elección e utilización.

Ademais, lembramos os horarios de apertura e préstamo: a biblioteca estará aberta durante os recreos da mañá e da tarde, e as familias tamén poderán achegarse os martes pola tarde. Explicamos cando e como realizar os préstamos, que comezarán proximamente, e fixemos entrega dos carnés de biblioteca ao alumnado novo, para que poida comezar a disfrutar deste servizo.

E, como non podía ser doutro xeito, tamén repartimos os nosos lectómetros, que nos acompañarán ao longo de todo o curso e nos permitirán rexistrar e seguir os libros que imos lendo. Unha pequena ferramenta para visualizar os nosos avances, marcar novos retos e, sobre todo, seguir alimentando o gusto pola lectura. 📚

Tamén presentamos os diferentes clubs e propostas de participación nos que o alumnado pode implicarse.

Por suposto, houbo tempo para descubrir o noso proxecto documental integrado deste curso, «A auga que nos une», o fío condutor de moitas das actividades que desenvolveremos ao longo do ano.

Agora si, coa biblioteca renovada, os espazos organizados e todo o mundo coñecendo as súas posibilidades e normas, xa estamos preparados para comezar!

A biblioteca abre as súas portas. Agardámosvos para ler, descubrir, investigar, crear e compartir!






No hay comentarios:

Publicar un comentario