viernes, 23 de enero de 2026

ECO RETO XANEIRO: DIVULGAMOS

 


A través de  pequenas accións e novos avances científicos poden marcar a diferenza na loita contra o quecemento global.

 Carla, Melinda e Iago voluntarios de 2º da ESO explican este tema co obxectivo de concienciar sobre a importancia de buscar alternativas sostibles.

O hidróxeno verde é unha das enerxías do futuro e unha posible solución para frear o cambio climático. Trátase dun tipo de enerxía limpa que se obtén a partir da auga, empregando electricidade procedente de fontes renovables como o sol ou o vento. Ao utilizalo, non se producen gases contaminantes, polo que axuda a coidar o planeta.


jueves, 22 de enero de 2026

CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DO INVERNO

 O INVERNO enche as nosas paisaxes de cores únicas e momentos máxicos. Queremos recoller esas imaxes que reflicten a beleza desta estación na nosa zona, e para iso convocamos o Concurso de Fotografía de INVERNO








domingo, 18 de enero de 2026

Entrevista a profe María

 Novo programa de entrevistas na nosa radio.

Esta semana, na radio, tivo lugar unha entrevista moi especial: a titora de quinto de primaria e profesora de Plástica en Inglés do resto do cole, foi a protagonista da nosa sección de entrevistas. Con esta conversa tan próxima e interesante, estreamos oficialmente esta nova sección da man do grupo da radio, formado nesta ocasión por alumnas de quinto que prepararon as preguntas e o guión e que decidiron comezar esta aventura entrevistando á súa propia profe.

Será un momento no que o alumnado poderá coñecer un pouco mellor á mestra, tanto no eido profesional como no persoal. Sen dúbida, unha estrea fermosa para unha sección que nace con ganas de dar voz ás persoas que forman parte da vida do noso cole.

sábado, 17 de enero de 2026

DESEÑO GRÁFICO

 

Ao longo deste curso, a biblioteca escolar convértese nun espazo de creatividade a través do deseño gráfico, entendéndoo como unha parte esencial da comunicación escrita desde a orixe da escritura ata a actualidade dixital. Partindo do alfabeto como raíz común, explóranse as tipografías, os libros, os carteis e outros soportes visuais, con referencias á tradición editorial e gráfica galega. Neste marco, o alumnado de 2º de Primaria participa nunha actividade práctica: a creación dun mural do abecedario empregando diferentes tipografías recollidas de xornais, revistas e outros materiais impresos.

A actividade consiste na elaboración colaborativa dun mural do abecedario no que cada letra é representada cunha tipografía distinta. O alumnado busca, selecciona e recorta letras de diferentes publicacións (xornais, revistas, folletos…), observando as súas formas, tamaños, estilos e usos. Posteriormente, clasifícanse e colócanse no mural, creando un abecedario visual e diverso.

Con esta proposta preténdese:

Achegar o alumnado ao deseño gráfico dun xeito lúdico e accesible.

Tomar conciencia da variedade tipográfica presente na vida cotiá.

Desenvolver a observación, a creatividade e o traballo cooperativo.

Valorar os soportes impresos e o papel da edición e do deseño na transmisión da información.


O mural final expónse na biblioteca escolar como mostra do proceso creativo e como recurso visual para todo o centro, reforzando a idea da biblioteca como espazo de aprendizaxe, creación e futuro.

CLUB DE LECTURA 6º E.P


Os Megatoxos son catro mozos que teñen que compatibilizar as clases no  instituto, cunha dobre vida que os impulsa a viaxar na procura dunha cura para a súa mutación xenética, un cambio provocado por unha planta  moi especial, o Toxo. Esta planta mutante ten, entre outras, a capacidade de viaxar no espazo e no tempo. O día en que Ruxe, Faísca, Ninfa e Lúa comezaron o curso, apenas se coñecían. Mais un accidente inesperado fará que as súas vidas muden para sempre. Decataranse de que teñen algo especial en común, máis aló de asistir ao mesmo instituto, e que nas súas vidas hai preocupacións máis fondas  que entregar a tempo os traballos de clase. Estraños poderes, aventuras sorprendentes e misteriosos encontros. Os catro mozos terán que viaxar no tempo para procurar respostas na terra  dos seus antepasados, os celtas...

sábado, 20 de diciembre de 2025

XORNADA DE RADIO NA BIBLIOTECA EN SANTIAGO

 


Celebráronse as primeiras Xornadas de Radio na Biblioteca Escolar en Santiago, organizadas por Bibliotecas Escolares de Galicia, e nós tivemos a sorte de participar nelas co alumnado que forma parte da Radio na Biblio.

A xornada comezou cun obradoiro a cargo de Cristina Collazo, de teatro radiofónico, que nos deixou unha fermosa reflexión: “A palabra é igual ca a imaxe… con elas voas a un mundo cheo de fábulas e contos… só tes que poñerlle voz!”. Durante o obradoiro tamén nos falou de diferentes técnicas para mellorar a articulación, a pronunciación e a expresión oral.Rematamos o obradoiro creando un conto dando o toque teatralizado coa voz. Foi unha experiencia moi enriquecedora.
Grazas, Cristina!

A continuación, asistimos a varias entrevistas realizadas dentro do espazo radiofónico, nas que participaron persoas como a presentadora Esther Estévez, a piragüísta Teresa Portela ou Miguel Ángel Cajigal. Todos/as destacaron a importancia de ler, de investigar previamente a traxectoria da persoa entrevistada, de saber escoitar e do valor do traballo en equipo, principios que ás veces tenden a perderse, pero que desde a nosa biblioteca temos moi presentes e queremos seguir fomentando.

Ademais, foi unha oportunidade magnífica para convivir e compartir experiencias con alumnado doutros centros, enriquecendo aínda máis esta xornada tan especial arredor da radio e da biblioteca escolar.

jueves, 18 de diciembre de 2025

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA AS VACACIÓNS

 O Nadal é tempo de descanso, de viaxes reais e imaxinarias, e de deixarse levar polas historias que agardan entre páxinas. Na nosa biblioteca atoparedes unha escolma de lecturas pensadas para todos os gustos e idades, perfectas para gozar sen présas durante as vacacións.

Todos os títulos recomendados están dispoñibles na biblioteca e tamén no ELBE-2, para que poidades ler onde e cando queirades. Ademais, como novidade este ano, ampliouse o número de préstamos a 15 libros por persoa.

Achegádevos, escollede a vosa próxima lectura e deixade que os libros vos acompañen nestas vacacións.

 Boa lectura!